Vostede está aquí
AMIPA, mellora integral da vida das persoas con discapacidade intelectual
A asociación AMIPA nace no ano 1997 como asociación de familias para dar resposta á falta de oportunidades das mozas e mozos con discapacidade intelectual dos concellos da comarca coruñesa do Sar: Dodro, Padrón e Rois.
O que comezou como unha modesta rede de obradoiros rurais, converteuse, no ano 2003, nun proxecto integral de formación continua dirixido a favorecer o desenvolvemento autónomo de cada persoa con discapacidade intelectual.
O seu ámbito de actuación é eminentemente rural, adaptando as actividades desenvolvidas ás potencialidades que ofrece o contorno, e así decidiron realizar diferentes actividades no ámbito da agricultura ecolóxica. Na actualidade traballan nunha horta ecolóxica, no posto de venda de produtos do agro no mercado de Padrón e mesmo conseguiron o selo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
Tamén contan cun centro ocupacional e diferentes programas de emprego e actividades de ocio e deportivas.
Ao tempo desenvolven un proxecto de voluntariado e sensibilización da veciñanza dando a coñecer as actividades e procurando a súa implicación co proxecto.
AMIPA é unha iniciativa que aposta pola igualdade de oportunidades e polas capacidades das persoas.
- Inserción laboral en actividades rurais, como a agricultura ecolóxica
- Visibilización e contacto coa sociedade a través de relacións de proximidade