Crise demográfica, territorios habitables e inclusión

Diversos territorios europeos, entre eles Galicia, están afectados por unha profunda crise demográfica. Trátase dun desafío común. A forma e intensidade coa que se manifesta ese cambio incide nas oportunidades reais e na calidade de vida das persoas que habitan as zonas en declive. O Estado Social afronta, entre outros, un desafío territorial. Un desafío de equidade e de sustentabilidade.

Cómpre, logo, minimizar e compensar os efectos dunha posible exclusión territorial de determinadas bisbarras, maiormente rurais, afectadas polo despoboamento e o envellecemento. Cómpre identificar onde e cando as persoas e comunidades atopan serias dificultades para desenvolver un proxecto de vida basicamente equiparable ao que se pode desenvolver noutras zonas do seu país. Cómpre repensar e planificar os servizos públicos en xeral e os de benestar en particular, para que esas persoas poidan atopar resposta ás súas necesidades humanas básicas e ao desenvolvemento das súas capacidades ao longo de todo o ciclo vital. E, ademais, cómpre innovar, cando as redes familiares e veciñais de apoio se debilitan, cando o sector público é insuficiente e o privado xa non está.

Desde outra perspectiva, o momento e a situación son unha oportunidade para re-deseñar e facer social e economicamente viables os territorios en declive demográfico, para facer posible, sostible e desexable poder permanecerneles ou re-habitalos. Os territorios agora en declive teñen un potencial real en termos de inclusión social e laboral. Pero cómpre revisar e cambiar a mirada, os preconceptos, a planificación e as actuacións desenvolvidas polos poderes públicos.

O Proxecto Symbios, enmarcado no Eixo 4 do programa Operativo do FSE quere facilitar un espazo trasnacional e transrexional de intercambio de coñecemento e práctica; para analizar con rigor o que está a pasar, para coñecer e difundir experiencias, proxectos e estratexias;para formular, de maneira participativa, propostas e recomendacións.

Como condición necesaria para construír as respostas axeitadas, faise necesario un deseño no que se integren e conecten asentamentos dinamizadores, vilas amigables para todas as xeracións, núcleos de impulso que, en sintonía coa Estratexia 2020 da Unión Europea, funcionen como auténticos hábitats inclusivos, intelixentes e sostibles.

Conscientes de que para deter, reducir ou reconducir os efectos da crise demográfica non abondan os recursos e iniciativas de carácter público, nin tampouco as de carácter estritamente empresarial, o proxecto SYMBIOS quere facilitar a simbiose e hibridación entre o traballo que se realiza desde o eido público e o que se está a realizar dende a iniciativa socio-comunitaria e a economía social nos territorios afectados. Trátase, así, de construír pontes e impulsar novos espazos de cooperación entre os actores comunitarios, os emprendementos innovadores e as políticas públicas.

Todo o proceso de crise que se aborda neste proxecto ten, por outra parte, efectos non desexables que van alén do sistema galego de servizos sociais, sistema que, por definición, está focalizado nos servizos que favorecen a inclusión, a conciliación familiar e a autonomía das persoas. A exclusión territorial ten que ver coa falta de activación de recursos económicos ociosos –agrarios e non agrarios-, co deterioro medioambiental, coa perda de patrimonio material e inmaterial, co acceso a banda larga, co ocio e a cultura, coa exclusión financeira e coa distancia real ao médico e á farmacia. A exclusión territorial ten efectos sociais, pero tamén afecta transversalmente a toda a acción pública e a todas as esferas da vida privada.

É precisa unha reflexión pública e aberta sobre que futuro queremos para unha gran parte do noso territorio. E, nese debate, deben terse en conta aspectos da máxima urxencia e actualidade como o custe futuro da inacción no presente, a necesidade dun renovado consenso entre os actores e partes interesadas, e a necesidade dun uso irracional dos recursos escasos. E, por suposto, das necesarias simbioses e sinerxías entre o sector público, o sector privado, o terceiro sector e o emprendemento comunitario.

X