Apicultura en Viana do Bolo

plano

Trátase dunha iniciativa de autoemprego no sector da apicultura, que aproveita a vivenda familiar para establecerse en Viana do Bolo despois de pasar por Vigo, onde traballou vinculado á industria. “Incúlcanche que aquí non hai futuro e vaste por inercia”.

A iniciativa é familiar, sendo ambos membros da parella de lugares próximos, no oriente da provincia de Ourense. Buscando unha alternativa para vivir co rural, deron coa apicultura por casualidade e formáronse desde Vigo, antes de volver a Viana.

Comercializan o 99% do mel a granel e acadaron mellores condicións de vida que as que tiñan na cidade. Pola contra, pensan que teñen acceso a todos os servizos, pero con peor calidade que a da cidade.

A Carqueixa, gandería cooperativa na montaña

Trátase dunha iniciativa impulsada coa axuda do CDR Ancares, para mellorar as condicións das explotacións de carne, sobre todo no relativo aos prezos de venda. Constitúese como cooperativa agraria en 1994, polo que xa ten 20 anos de traxectoria. Os seus socios e socias pertencen a diferentes concellos da montaña lucense, na comarca dos Ancares.

plano

É unha iniciativa herdeira dun proceso de dinamización comunitaria, cunha filosofía de abaixo cara arriba, onde os veciños e veciñas son protagonistas á hora de buscar solucións en común aos seus problemas comúns.

Unha das súas estratexias foi a inclusión das explotacións na Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega e, posteriormente, a intercooperación con cooperativas de carne doutras comarcas de Galicia, creando a cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros. Unha vez consolidado o obxectivo principal da comercialización, fóronse prestando outros servizos como a compra de insumos ou a comercialización de excedentes da agricultura familiar (castañas, mazás, etc.).

Racataplán, confección responsable e innovadora

Racataplán é unha iniciativa de autoemprego no sector da confección, baixo criterios ecolóxicos e con deseños orixinais pensados para a comodidade dos nenos e nenas de 0 a 3 anos.

É unha iniciativa persoal que conta con colaboracións para deseños de estampados ou confección. Ademais de vender a través da web, os seus produtos poden adquirirse en pequenas tendas especializadas.

imaxen

A estratexia de mercado é a diferenciación, polo carácter xusto e ecolóxico da produción e polo deseño innovador. A imaxe, o empaquetado e a transmisión dos valores diferenciais dos produtos e do proxecto son elementos destacables nesta iniciativa.

O negocio desenvólvese baixo o modelo de teletraballo, aproveitando ao máximo as potencialidades da internet, tanto para a venda como para a formación, busca de información e mantemento de contactos con empresas provedoras e persoas colaboradoras.

MiAvizor, teleprevención sociosanitaria para persoas que viven soas

MiAvizor é un sistema avanzado de teleprevención patentado pola Facultade de Psicoloxía da Universidade de Compostela. Mediante un sistema de sensores inalámbricos instalados en puntos estratéxicos do fogar, monitorízanse os movementos da persoa para identificar posibles incidencias: se a persoa non sae da habitación durante todo o día, se respecta os horarios das comidas, etc.

imaxen

A accesibilidade á información configúrase de forma que poda ser consultada por familiares e por persoal sanitario, de axuda no fogar ou calquera outro que preste servizo á persoa. O acceso é a través dunha plataforma web.

A tecnoloxía non é intrusiva e respecta a intimidade das persoas, posto que non se rexistran imaxes visuais. Emprega sinais que axudan a supervisar os hábitos diarios e avisa dos cambios ou modificacións que indican o posible problema que a persoa pode ter.

A idea xorde despois da avaliación que o Consorcio do Benestar do servizo 'Xantar na Casa', onde se detecta a necesidade de controlar o correcto consumo do subministro semanal de comida. Na actualidade MiAvizor está instalado en máis de 225 vivendas galegas

Como Cabras, unha experiencia cooperativa e un medio de vida rural

Como Cabras é unha iniciativa de autoemprego cooperativo que forma parte dun proxecto vital máis amplo, o de vivir no campo. As persoas que integran Como Cabras proceden de cidades de fóra de Galicia.

imaxen Cabras

Esta experiencia neorrural arranca en 2004 baixo a fórmula de cooperativa e baséase na gandería caprina e na produción de queixos artesáns con leite cru, que venden baixo a marca Touza Vella.

Como Cabras sitúase no concello de Castro Caldelas, nunha área de forte declive demográfico. O abandono constitúe un elemento favorecedor no prezo da vivenda, pero tamén unha limitación no relativo ás posibilidades de organización social para a mellora conxunta.

Antoxos, servizos de proximidade no rural

Antoxos é unha cooperativa constituída por mulleres que prestan servizos de proximidade no seu propio concello e comarca. En concreto leva a comida ao domicilio das persoas maiores que queiran contratarlle os servizos.

imaxen Antoxos

É un exemplo de creación de valor económico no contorno, a partir da necesidade de servizos derivada do avellentamento e dispersión da poboación. Ao mesmo tempo que se atende unha necesidade desde a proximidade, créanse tres postos de traballo.

Cunha carteira de clientes diarios duns 40 ou 50, Antoxos pode facer menús personalizados, e busca respectar as comidas tradicionais ás que as persoas do rural están afeitas, tomando tamén en conta criterios de saúde propios para cada caso.

A Cova da Terra por un rural xusto e ecolóxico

A Cova da Terra é unha asociación pioneira en Galicia no impulso do comercio xusto e o consumo responsable. Situada na cidade de Lugo, abrangue catro grandes áreas de traballo: a tenda, como ferramenta para un consumo responsable; o local social, onde se realizan actividades de banca ética, feminismo, enerxías renovables, cooperación internacional...; o centro de recursos Kandahaira, que funciona como biblioteca e centro de documentación, e o proxecto educativo.

Dentro deste último, a Cova da terra busca formar e sensibilizar na promoción dunhas relacións económicas xustas. Un dos seus proxectos son 'As mulleres alimentan o mundo', a través do cal realizan obradoiros con mulleres do medio rural e promoven o encontro con mulleres doutros países en torno ao concepto de soberanía alimentaria.

imaxen A Cova da Terra

Coa iniciativa 'De aquí, xusto e ecolóxico' A Cova da Terra impulsa a concepción do espazo rural como un espazo de oportunidade para mudar as relacións económicas e as relacións coa natureza. Impulsa iniciativas ecolóxicas e sustentables e busca promover a produción alimentaria local con criterios éticos e xustos.

O primeiro instrumento deste proxecto é a guía 'Como facer un rural xusto e ecolóxico', na que se mostran diferentes alternativas e exemplos de desenvolvemento rural: produción ecolóxica, transformación, distribución e venda, normativa básica, asesoramento, sustentabilidade económica, financiamento, etc. Ademais da guía, que está dispoñible en internet, realizáronse talleres por toda Galicia.

AMIPA, mellora integral da vida das persoas con discapacidade intelectual

A asociación AMIPA nace no ano 1997 como asociación de familias para dar resposta á falta de oportunidades das mozas e mozos con discapacidade intelectual dos concellos da comarca coruñesa do Sar: Dodro, Padrón e Rois.

O que comezou como unha modesta rede de obradoiros rurais, converteuse, no ano 2003, nun proxecto integral de formación continua dirixido a favorecer o desenvolvemento autónomo de cada persoa con discapacidade intelectual.

imaxen AMIPA

O seu ámbito de actuación é eminentemente rural, adaptando as actividades desenvolvidas ás potencialidades que ofrece o contorno, e así decidiron realizar diferentes actividades no ámbito da agricultura ecolóxica. Na actualidade traballan nunha horta ecolóxica, no posto de venda de produtos do agro no mercado de Padrón e mesmo conseguiron o selo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Tamén contan cun centro ocupacional e diferentes programas de emprego e actividades de ocio e deportivas.

Ao tempo desenvolven un proxecto de voluntariado e sensibilización da veciñanza dando a coñecer as actividades e procurando a súa implicación co proxecto.

AMIPA é unha iniciativa que aposta pola igualdade de oportunidades e polas capacidades das persoas.

As principais cuestións para o debate:
  • Inserción laboral en actividades rurais, como a agricultura ecolóxica
  • Visibilización e contacto coa sociedade a través de relacións de proximidade

L'Olivera, inserción social no medio rural

L’Olivera é unha cooperativa catalana de integración social dedicada ao cultivo e elaboración de viños e aceites. Un proxecto que comprende novas formas de ver o traballo no medio rural, con pegada ecolóxica sostible e comprometido coa inclusión social de persoas con discapacidade.

imaxen L'Olivera

O proxecto de L'Olivera nace marcado polo desexo de conxugar o económico e o social: unha realidade económica e produtiva sólida e viable cun proxecto de integración social máis amplo.

O traballo en común, a actividade agrícola, a transformación coidadosa das materias primas e a participación activa na propia empresa veñen caracterizar a forma de funcionar da cooperativa. A maiores, poder desenvolver o traballo no medio rural á unha aposta por crer no seu futuro.

L'Olivera naceu cando un grupo de persoas decidiron, en 1974, instalarse na vila de Valbona de les Monges (ao sur da provincia de Lleida) e traballar con dous eixes: a promoción social das persoas con discapacidades psíquicas, especialmente aquelas en situacións sociais menos favorables, e a formulación de alternativas económicas produtivas a partir dos propios valores da zona.

Preguntas para o debate:
  • O potencial do patrimonio rural na inserción laboral
  • A cooperativa de integración social como fórmula para a discapacidade

"Plan Galicia Saudable", actividade física e envellecemento activo

Impulsado pola Xunta de Galicia, e coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte, o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable ten como obxectivo prioritario mellorar a calidade de vida da poboación galega a través da práctica regular de actividade física e deporte.

O "Plan Galicia Saudable" pretende favorecer as condicións necesarias para que a poboación galega goce dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, e previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo, dende a infancia ata a vellez. O Plan pretende crear as condicións para que todas as persoas que habitan a nosa comunidade poidan adoptar un estilo de vida activo que favoreza a súa saúde, promovendo un país máis activo e san.

Plan Galicia Saudable

O elevado envellecemento poboacional de Galicia convértea nunha das 25 rexións máis vulnerables da UE de aquí ao ano 2020. A natalidade está a descender e a mortalidade aumentando. Prevese que no futuro vaia diminuíndo o número de cidadáns (un 1,5% en 2020). Galicia caracterízase por un acusado nivel de envellecemento e sobreenvellecemento (dos máis elevados de España e das rexións da Unión Europea), que se presenta sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense e, moi maioritariamente, no sexo feminino. Hai case o dobre de persoas maiores que de menores de 16 anos.

Unha das áreas de actuación do Plan céntrase na poboación rural e as persoas maiores dos concellos de menos de 10.000 habitantes posto que é onde se presentan as porcentaxes menores de práctica deportiva, ademais de presentar os niveis máis baixos de satisfacción coa práctica deportiva e a actividade física, así como unha maior presenza de persoas que nunca practicaron deporte.

Galicia Saudable conta con 156 medidas repartidas en sete ámbitos de actuación: Sanitario, Comunitario e Local, Tempo Libre e Deportivo, Laboral, Educativo, Urbanismo-Medio Ambiente e Infraestruturas e Persoas Maiores, así como en tres áreas transversais (mulleres, discapacidades e colectivos en risco de exclusión).

A creación de programas de ocio activo para persoas maiores, proxectos específicos para implantar exercicio físico regular nas residencias de maiores, así como a avaliación periódica da condición física orientada á saúde nestes centros, e/ou noutros puntos de atención ás persoas maiores, son algunhas das accións directas enmarcadas dentro deste plan. A maiores desenvólvense outras accións de carácter transversal incluídas nos outros ámbitos de actuación.

Páxinas

X